Todos os días podemos ver a través da prensa a situación pola que están a pasar moitísimos emigrantes retornados, aos que a Axencia Tributaria está notificándolles expedientes sancionadores reclamándolle cantidades pola non declaración das pensións percibidas polo traballo no estranxeiro. No pleno celebrado a semana pasada comprobamos en primeira persoa esta situación coa presenza de varios afectados.
Como se dixo no pleno, todos rexeitamos o trato que
Facenda está a ter con estas persoas, que o único que fixeron foi buscarse unha
saída fora da súa terra e traballar para que agora, sen que ninguén os
informase de ningunha obriga tributaria, os estean a tratar como
“defraudadores”. O número de afectados aumenta cada día, e o conflito empeza a
parecerse cada vez máis, en canto ao número, ao fraude das preferentes e
obrigas subordinadas. Por iso teñen razón os afectados en
demandar apoio e axuda das institucións e por iso dende ANOVA coidamos que o
Concello de Ribadumia debe actuar xa, e non quedarse nunha mera “declaracións
de intencións”.
Diante das demandas dos afectados parece que as
administracións comezan a adoptar algunha medida no seu favor,... Así, o pasado mércores o parlamento galego
acordou, por unanimidade de todos os grupos, unha proposición non de Lei pola
que, entre outras cousas, instase a Xunta de Galicia a regularizar a situación
dos emigrantes retornados sen consideralos defraudadores fiscais. Tamén, tendo
en conta que na maioría dos casos nunca foran informados das súas obrigas,
acordouse demandar a Facenda para que se habiliten períodos de pago “máis
longos dos estipulados habitualmente”, que se exima do pago de sancións a
aqueles que regularicen a súa situación fiscal, demandar que se revisen os
convenios marco con outros países para evitar que estas situacións se repitan
no futuro.
Tamén no pleno celebrado o pasado xoves 5
de Setembro, aprobouse unha moción sobre esta cuestión presentada por un
Concelleiro, no sentido de “Manifestar
o apoio aso veciños e ás veciñas afectadas”;
“Instar a Xunta de galiza a: Establecer mecanismos para colaborar con este
concello na prestación de asesoramento a todas as persoas afectadas que o
precisaren” e “Demandar do Goberno do Estado a anulación de todos os
expedientes sancionadores e a revisión dos convenios marco con outros países”.
A pesares de concordar con estes puntos e apoiar a moción
presentada, no debate xa pedimos que se
ampliase no sentido de que o Concello habilitase de xeito urxente, unha oficina
na que durante un tempo determinado se ofrecese asesoramento aos afectados, xa
que, dacordo coa información técnica da que se dispón, hai circunstancias e
moitas situacións que poderían ter unha solución administrativa mais rápida e
menos dramática.
Solicitamos que se habilitase esta oficina xa que por un
lado entendemos que o Concello debe implicarse e tentar axudar a resolver ou
facilitar os trámites aos afectados; e polo outro dende Anova entendemos que a
“burocracia” pode retrasar moito que o acordo tomado de “instar a Xunta a
colaborar co Concello.....” se faga efectivo, chegando demasiado tarde para
moitos casos afectados.
Lamentablemente, o concelleiro do grupo que presentou a
moción negouse a incluír esta proposta, evitando así que puidera ser aprobada
no pleno, conxuntamente o resto da moción.
Por estes motivos queremos SOLICITAR DO GOBERNO LOCAL que teña en consideración a proposta que
fixen no pleno, e agora reitero, de habilitar, de xeito urxente e con carácter
temporal, unha oficina de información no noso concello, para que todos as
persoas afectadas poidan cando menos recibir información é, de haber solucións
administrativas, saber cales son é como actuar ou a onde dirixirse.
Jose Enrique Oubiña Lago, concelleiro e membro da
agrupación local de Anova.
En Ribadumia, a dia 13 de Setembro de 2013.
No hay comentarios:
Publicar un comentario